Postal

     Foi polo ano 1926 cando os irmáns José e Ramón Valiñas Oubiña, naturais do Sixto, Vilagarcía, comezaron a actuar nas festas da zona co nome de OS CAMPANEIROS.Na súa familia non había tradición musical e aprenderon a tocar cunhas frautas de cana que construíron eles mesmos. Logo mercaron un punteiro e metéronlle unha vixigade porco (para que

Postal

fixera as veces de fol) e un soprete. O padriño de José, ó ver que o rapaz tiña afección e dotes, regaloulle unha gaita grileira, mercada en Pontevedra a Poceiro, famoso artesán da provincia. Pouco despois, Ramón mercou outra igual, e foi entón cando comezaron a actuar para o público. O nome de CAMPANEIROS era o alcume da familia, pois un bisavó deles fora un dos fabricantes de campás de Arcos da Condesa (Caldas). O repertorio que interpretaron durante os primeiros anos de andadura estaba composto por pezas populares ou copiado dos gaiteiros da comarca.
     Co tempo foron creando o seu propio repertorio, hoxe en parte recopilado en varias cintas de cassette e disco. A técnica que utilizaban é a que se chama, entre gaiteiros, semi-pechado.
      Acompañando ós CAMPANEIROS, coa caixa e o bombo, pasou moita xente polo grupo, pero quen máis perdura na memoria da xente e con quen gravaron os discos que teñen editados foron os irmáns José e Celestino, fillos de Pallamallada.
      Foi no ano 1983 que a súa aldea natal lles fixo unha homenaxe popular, na que actuaron grupos como MILLADOIRO, FUXAN OS VENTOS, AIRIÑOS DO PARQUE DE CASTRELOS, OS ROSALES…e na que recibiron diversas distincións das mans do Presidente da Xunta, Real Academia Galega, Deputación Provincial, Concello de Vilagarcía, etc…, nunha xornada chea de emocións e lembranzas, durante a cal descubriuse unha escultura conmemorativa do acto. Meses despois, na Festa do Marisco no Grove, OS CAMPANEIROS ofreceron a súa derradeira actuación, pois a enfermidade obrigou a Ramón a retirarse. Ramón morrería un ano despois, mentres que José finou no ano 1993.
      En contraste coa grande producción artística do grupo está a escasa obra que teñen gravada. O pasado ano o grupo de gaitas OS TERRIBLES DE AROUSA editaron un CD con 15 temas inéditos dos CAMPANEIROS e, próximamente, publicarase un libro coa súa biografía e obra, xusta homenaxe á que foi unha das mellores agrupacións de gaitas de Galicia do século XX.

Carlos Rei*

* (Carlos Rei, notable estudioso do folclore e das tradicións populares, foi membro de PALLAMALLADA e, na actualidade forma parte do grupo OS TERRIBLES DE AROUSA)