|
É
mérito moi grande, xa que en tempos difíciles (guerra e
posguerra) cando a cultura tradicional pasou por unha longa noite de pedra,
eles termaron e divulgaron a nosa música tradicional.
OS GARCEIRAS tiñan o sobrio estilo
de montaña do interior da Galiza. Cunha afinación exquisita
e unha forza expresiva (gaitas en Si b e uso da ronqueta),tiñan
sona de encher o ar coa nosa música dun xeito forte, e cun estilo
sobrio, liso, máis ó tempo elegante. Nos concursos sempre
levaron moi ben preparadas as partituras obrigatorias e contaron con grandes
músicos asesores:D. Pastor Barral Camoiras, Emilio Otero Val, D.
Andrés Sampayo Sixto etc.
Colaboraron cos colectivos culturais melidáns,
grupos de teatro, coro "Aires de Melide", Festas Sta.
Marta de Goretti.
De Gabriel digamos que, ademais de constructor, foi animador, mestre e
director de "Froito Novo" e espello de moitos gaiteiros.Tamén
a "Terra de Melide" débelles a "OS GARCEIRAS"
o levaren o nome de Melide como os nosos mellores embaixadores.
GABRIEL MATO VARELA "GARCEIRAS"
O GAITEIRO
DOS DEDOS MÁXICOS
Gabriel
"Garceiras" naceu no ano 1922 no lugar de Garceiras (Santa María
dos Ánxeles), viviu na Vista Alegre, Melide, pero de contado voltou
para a súa parroquia natal.
Dotado
dunha grande intelixencia natural e habilidade o traballo da madeira,
fixo dende zocos ata, xa logo, as súas preciosas gaitas.
Nun principio cun torno de pedal (que doou ao Museo Terra de Melide) e
logo xa cun torno eléctrico.A súa faceta máis importante
foi a de gaiteiro, pero coa categoría de MESTRE.
Gabriel
"Garceiras" pasará á historia da música
tradicional galega como un gaiteiro dos de antes, rexo, cuns dedos prodixiosos
que arrincaban as notas máis fermosas que se lle poden sacar a
un punteiro, e cunha afinación perfecta sempre na compaña
de ronco e ronqueta, que soubo durante corenta anos leva-lo seu grupo
ás cotas máis altas do nivel de interpretación da
música tradicional, naquela Galiza dos 70 onde os gaiteiros escaseaban
e non vivían nas condicións actuais.
Cunhas condicións excepcionais para a música,
tocou o clarinete na Orquestra do Zapateiro e foi alma do grupo "Os
Garceiras" educando ós seus irmáns e compañeiros
de grupo para acadaren ese estilo interpretativo sobrio, da "Montaña".
Cando ían tocar por cidades, vilas e aldeas, xa pola forza das
gaitas e afinación, os veciños sen velos, sabían
que eran "OS GARCEIRAS de Melide".
Foi dos bos e xenerosos da Xeración de
Ricardo Portela, Oliveira, dos Morenos de Lavadores, dos Campaneiros de
Solobeira - Vilagarcía - e tantos outros importantes gaiteiros,
tamborileiros, pandeireteiras-os espallados pola fermosa xeografía
musical da nosa terra galega.Home humilde e bondadoso, pero con chispa,
foi paciente coma un ermitaño para sacar a "FROITO NOVO"
como un grande grupo de gaitas.
Quedará perpetuada na nosa memoria a figura
dunha persoa amable, de afable conversa, e un ronsel de música
tradicional que seguirá a surcar a nosa terra e alén dela,
sen desfacerse endexamais.
Xosé
Vázquez Pintor dedicoulle a Gabriel este poema o día da
homenaxe a "OS GARCEIRAS" en agosto do ano 92:
GAITEIRO
GABRIEL
En harmonía co sol e
en toda circunstancia
mides o rostro do país en légoas
e proclamas a atención do sangue, ese retorno
da danza, a maxia, o brinquedo corazón que leva
lonxe lonxe a memoria de nós conforme avanza
alegre onde nos nace
esa mau amiga de Gabriel abrindo o buxo
aos paxaros sen fin, que sempre cantan.
|